A Liga Galega de Traiñeiras arranca en Bueu cunha competición intensa

  • en
Miguel Souto García - Santiago 27/06/2015

A tempada 2015 da Liga Galega de Traiñeiras comezou este sábado en Bueu. Durante a xornada disputáronse regatas de tódalas categorías, ademais de celebrarse unha presentación oficial, a modo de acto inaugural de tempada.

Ao longo da tarde, puidemos desfrutar na auga dunha competición intensa. Esta comezou cos veteranos, cuxa participación non foi puntuada, pero ofreceron ao público un bo espectáculo. A continuación, foi a quenda da liga feminina. Para elas a regata si que foi puntuable, polo que as rapazas dos tres clubs que participan entregáronse a fondo para alzarse coa vitoria. Finalmente, foron as remeiras de Cabo de Cruz as que fixeron o mellor tempo. Este ano o club de Cabo vai en camiño de ser o favorito como gañador en categoría feminina.

Na categoría masculina, a pesar de non xogarse a puntuación na auga, os remeiros ofreceron un espectáculo de competición feroz. Isto viuse reflectido nas dúas amoestacións arbitrais que se aplicaron. A primeira foi ao club de Mera pola súa saída antes de tempo, que lles supuxo engadir cinco segundos ao seu marcador final. Esta penalización deixounos moi descolgados na clasificación da liga B. O outro club sancionado foi o propio Bueu, que quedou descualificado da regata por mor de non pesar ao patrón da traiñeira.

Aínda que esta regata non foi puntuada para as ligas masculinas, os resultados eran decisivos para establecer a orde das saídas na vindeira regata. No caso da liga A encontramos a Amegrove como vencedor, seguido moi de cerca por Ares e Mugardos, que chegaron case á par. Na liga B o equipo máis rápido foi o de Mecos, aínda que quedou moi próximo ao resultado acadado polo club de Castropol. Ambos os dous fixeron tempos dignos dos competidores da liga A.

Foto de familia de todos os clubs participantes na regata.

Foto de familia de todos os clubs participantes na regata.

Unha vez finalizadas as regatas, clubs e directiva da LGT, reuníronse na praza do concello de Bueu para celebrar o acto de presentación da tempada de este ano. Nel presentáronse tódolos clubs participantes na LGT. Tamén se contou coas palabras do alcalde de Bueu, Félix Juncal, que mostrou o seu apoio como ex remeiro. Ademais del, tanto o presidente da LGT, José Francisco Romero, e a Subsecretaria Xeral para o Deporte, en nome do Secretario, que non puido asistir.

Colaboran