Fin de semana con moita actividade na LGT

Fin de semana en O Grove para a liga feminina e a LGT A

Liga Feminina

O próximo domingo 9 de Xullo, as 12:00 horas, disputarase a II Bandeira feminina Virxe do Carme no Porto de O Grove, a segunda regata puntuable para a liga das mulleres.

A principal noticia é a ausencia do C.R. Cabo de Cruz, que se desprazou a terras vascas para disputar a clasificatoria da liga Euskotren. Sen a presenza das de Boiro, a liga feminina estará composta por unha soa quenda. As anfitrioas e principais favoritas do C.R. Mecos terán ó seu carón na loita pola bandeira ó C.R. Chapela feminino, ó C.R. A Cabana ferrol feminino e o equipo feminino do C.R. Salgado Perilo.

Con tan só unha xornada disputada, as da Mequiña lideran a clasificación con 5 puntos, seguidas do C.R. Chapela con 4, o C.R. Cabo da Cruz con 3, o C.R. A Cabana de Ferrol con 2 e o C.R. Salgado Perillo con 1.

Liga A

A liga A gozará dunha dobre xornada na península de O Grove. O sábado 8 de Xullo será Amegrove C.R. o que organice a XXIV Bandeira Concello de O Grove, que terá lugar no Porto de Pedras Negras a partir das 17:30 horas.

A competición estará dividida en tres quendas. E a orde de saída virá dada polo sentido contrario da clasificación da liga. Na primeira quenda, partirán o C.R. Salgado Perillo, o C.R. Rianxo e o C.R. Chapela. Na segunda quenda os protagonistas serán o C.R. Vilaxoán, C.R. Coruxo, C.M. Castropol e os anfitrións de Amegrove C.R. E na quenda de honra competirán o C.R. Mecos – Mondariz, o C.M. Bueu – Tecarsa, o C.R. Puebla e a S.D. Samertolameu.

O domingo a liga trasladarase ó Porto de o Grove para disputar a XXVII regata, VI Bandeira Virxe do Carme, organizada polo C.R. Mecos – Mondariz a partir das 17:20, a continuación da regata feminina. A diferenza do día anterior, a saída do domingo será establecida por orde inversa a clasificación do día anterior en Pedras Negras.

As tripulacións enfróntanse ó primeiro fin de semana de dobre xornada puntuable. Nestes intres da tempada, onde aínda se descoñece o potencial real de cada equipo, a sorpresa e a emoción están aseguradas.

Comeza a verdadeira competición na Liga Galega de Traiñeiras B

Liga B

Tras un comezo de tempada un tanto peculiar, sen regata na primeira fin de semana do mes de xullo, arranca finalmente a Liga B, e faino cargada de novidades na XVIII Bandeira Concello de Cangas.

Por un lado temos aos debutantes, algúns novos e outros vellos coñecidos: o CR Cedeira, o CR Muros, o CR Virxe da Guía, a AD Esteirana e o CM Mugardos. Pese a que os comezos son difíciles, xa vimos na presentación que moitas destas traiñeiras non se poñen límites, e de seguro que van a dar moita guerra ao longo da tempada.

Por outro lado temos aos favoritos en todas as quinielas, o CDM Mera, e a incógnita dun CR Vila de Cangas que intentará quitar o mal sabor de boca que deixou na regata de presentación facendo un bó papel na regata da súa casa.

O pistoletazo de saída desta LGT-B terá lugar este sábado 8 de xullo no porto de Cangas ás 18:30 horas, cunha regata repartida en dúas tandas, co orden de saída decidido na regata de presentación.

As augas da praia de Santa Cristina e os alí presentes foron testemuña dunha regata abraiante ca disputa da II Bandeira Feminina Concello de Oleiros e a VI Bandeira Salgado Conxelados.

Comezou a xornada ca categoría feminina. Cun campo repartido en tres carreiros e a formato de regata lanzada a competición das remeiras estivo dividida en dúas quendas. Na primeira a embarcación local, o C.R. Salgado – Perillo enfrontábase ó C.R. Chapela. E na segunda partían as tres mellores da regata de presentación, o C.R. Mecos, o C.R. Cabo da Cruz e o C.R. A Cabana de Ferrol. Ambas dúas quendas tiveron claras campioas. Na primeira foron as da Arealonga as que superaron a embarcación local. E na segunda, o C.R. Mecos, cunha vitoria contundente que rompe a ditadura do C.R. Cabo da Cruz nas regatas da liga galega feminina. Sería a propia embarcación de Boiro a que chegarían en segunda posición tentando superar o tempo do C.R. Chapela pero sen conseguilo. E no terceiro posto, o C.R. A Cabana de Ferrol finalizando cuartas na clasificación xeral da regata.

A continuación sería o momento da liga A. Dividida en dous tempos de dúas quendas cada un. Na primeira manga os anfitrións do C.R. Salgado Perillo enfrontábanse ó seu gran rival por eludir o play off, o C.R. Rianxo, e a partida volveu a ser para os da Virxe da Guadalupe. Na segunda partida, Amegrove C.R. marcou un ritmo que se asemellaba ó mostrado na regata de presentación e levouse a quenda sen oposición. Por detrás chegaría un C.R. Vilaxoán incapaz de seguir a Pabliño. E cerraría a quenda o C.R. Chapela, tentando que os seus compañeiros de manga non se afastasen demasiado e sen perder de vista o crono para superar ós rivais da primeira partida. Aínda que algunha referencia os poñía por detrás, finalmente a Arealonga melloraría os tempos dos rivais da primeira saída.

Pero os momentos decisivos da VI Bandeira Salgado Conxelados chegarían cas dúas quendas posteriores. Na terceira saída, o C.R. Coruxo, campión desta bandeira a tempada pasada partía como favorito, pero a Fontaiña aínda está lonxe do nivel mostrado nos anos anteriores e viuse superada por un C.M. Castropol, que non baixa o nivel, e un C.M. Bueu – Tecarsa, que segue mellorando tempada tras tempada. Os de Bueu encontraron no reloxo a un rival alleo a súa quenda, a Amegrove C.R., ó que finalmente foron capaces de superar. Que non foi capaz de facelo foi o C.R. Mecos – Mondariz, que a pesar de non seguir o ritmo da cabeza da regata, non baixaron os brazos e loitaron ata o último instante por esas prazas de quenda de honra. Os que lideraron esta proba foron o C.R. Puebla e a S.D. Samertolameu. Cun guión similar ó de Coruxo, as primeiras referencias poñían por diante a Carmela a moi pouca distancia da Terca. Pero ó contrario que fai dúas semanas, os de Jose Parada aguantaron o empuxe dos de Dani Pérez e o C.R. Puebla levouse a súa primeira bandeira da tempada e se presenta como candidato para loitar por esta liga galega de traiñeiras 2017.

Juanma Lorenzo – Equipo Comunicación LGT

Julián Juan – Equipo Comunicación LGT

Attachment

Colaboran