Intensa fin de semana na Liga Galega de Traiñeiras

  • en

Houbo que esperar ata a segunda semana de xullo para presenciar o verdadeiro espectáculo que supón a competición raíña do banco fixo. E é que finalmente coincidían as tres ligas, A, B e Feminina en sendas regatas puntuables, polo que a emoción estaba servida.

Comenzaba a xornada coa XXXIV Bandeira Concello de O Grove do sábado pola mañá, ás 11:30, no porto de Pedras Negras. Co campo en mar aberto, a regata prometía ser dura, e dende logo non defraudou. Tras as dúas primeiras quendas, con vitoria para o CR Rianxo e o CR Coruxo, tivo lugar unha quenda da honra na que a igualdade era máxima. Tal foi a tensión que na segunda ciaboga, o piquiero do CM de Bueu caeu ao mar, deixando á Maruxía cun remeiro menos durante o resto da regata. Pero isto non fixo renderse aos vermellos, e nunha demostración de capacidade de superación, lograron a cuarta posición.

Tras romperse esa igualdade inicial, a bandeira quedaría en mans do CR Puebla, o CR Samertolameu e o CR Mecos Mondariz. Pero a Carmela este ano amósase fortísima, e os dez segundos de vantaxe que lle sacou aos de Meira no último longo fixeron que levase a segunda bandeira da temporada, e tamén a terceira da súa historia. Meira entraba segundo, tendo claro que pese a ter a etiqueta de favoritos non o van ter nada fácil, e Mecos Mondariz lograba unha terceira posición que os afianzaba na zona nobre da clasificación.

Apenas concluía esa regata daba comezo, uns kilómetros cara o sur, a XXVIII Bandeira Concello de Cangas, primeira regata puntuable da Liga B. Mera partía como favorito, e pese a que o CM de Mugardos, que retorna á competición tras un ano en seco, presentou batalla, á vitoria non se lles escapou. Mentres tanto, o resto de tripulacións parecen estar un peldaño por debaixo destas dúas, pola súa falta de experiencia principalmente, pese aos bos resultados que estivo a lograr o CR de Cedeira nas últimas regatas non puntuables. A destacar a boa actuación dos locais, o CR Vila de Cangas, que cunha traiñeira totalmente propia canteirán (feito que comparten con moitas outras tripulacións desta Liga B,), lograron un meritorio cuarto posto a apenas cinco segundos do CR Muros, terceiro. Tamén foi moi destacable a organización da regata, segundo comentan a maioría de clubs.

Pero aquí non remataba a acción, xa que o domingo pola mañá tiñamos dúas regatas máis, de novo no Concello de O Grove coas Bandeiras da Virxe do Carme. Repetía a Liga A e entraban na auga as rapazas de Liga Feminina. Pese a ausencia do CR Cabo da Cruz pola súa participación da clasificatoria para a Liga Euskotren, a regata sería puntuable, dado que o número de participantes é superior ás tres traiñeiras que competían o ano pasado.

A vitoria na II Bandeira Virxe do Carmen da Liga Feminina foi para un CR Mecos que amosa de novo a súa superioridade fronte aos demáis clubes, sendo o CR Chapela segundo a 26 segundos. A terceira posición foi o CR A Cabana Ferrol e en cuarta posición entraron as rapazas do CR Salgado Perillo, que debido a un erro na ciaboga quedaron rezagadas. Quedou claro que o remo feminino galego ten moito futuro, e estamos seguros de que as rapazas nos darán grandes emocións durante a tempada.

A continuación chegaba o turno de novo para a Liga A, coa VI Bandeira Virxe do Carmen. Cun campo diferente ao da regata de presentación logrouse unha igualdade entre as calles que fixo as delicias dos aficionados que acudiron ao porto de O Grove. E é que nas tres quendas lográronse vitorias dende diferentes calles, quedando patente o gran traballo que fixo o CR Mecos Mondariz coa elección do campo, pese ás dúbidas iniciais provocadas pola baixamar.

A regata foi todo un espectáculo. Na primeira quenda a vitoria foi de novo para un CR Rianxo que tivo unha fin de semana impecable, e que demostra que pese a estar recén ascencidos van a dar moita guerra nesta liga. Na segunda, Castropol deixou claro que van loitar por estar na quenda da honra, e que incluso poden dar algunha sorpresa como fixo o ano pasado o CR Coruxo, e levar algunha bandeira. O cuarto posto xeral que acadaron os asturianos foi en dentrimento de propio Coruxo, que sen dúbida foi a nota negativa desta regata, quedando en décima posición. A segunda posición foi para un Amegrove CR que tamén remaba na casa e pouco a pouco se vai asentando na zona media da clasificación.

Na quenda da honra, Meira tiña que saír a por todas para lograr superar ao CR Puebla, e así foi. Nunha regata con emoción ata o final, a tripulación da Terca levávase a bandeira e o liderato da liga, demostrando por qué son os favoritos. A segunda posición foi para o clube organizador, o CR Mecos Mondariz, que brindou unha alegría a súa afición e demostrou que vai loitar polas bandeiras esta temporada, e terceiro entrou un CR Puebla que perdía desta forma o liderato da liga, pero que de seguro dará moita guerra en próximas regatas. O outro gran perxudicado desta regata foi o CM de Bueu, que entraba cuarto e finalmente quedaba en sétima posición, un posto que non se corresponde en absoluto coa calidade do seu equipo, e que de seguro lles fará mellorar para as próximas regatas.

En definitiva, fin de semana espectacular nunha Liga Galega de Traiñeiras que vai estar moi disputada en ámbalas tres categorías e que dará moitas alegrías aos aficionados ao remo galego.

 

Julián Juan – Equipo Comunicación LGT

Colaboran