A Liga Galega de Traiñeiras 2017 chega ao seu fin

  • en

Hoxe damos entrada ao mes de setembro. Cando en xuño comeza o verán, ninguén se imaxina que setembro vai chegar, todo o mundo o enterra no máis profundo de sí, intentando esquecelo. Porque para a maioría da xente este mes significa o remate do verán, o fin das vacacións e o comezo da rutina. Acabouse o bó, os días acúrtanse, volta pouco a pouco o frío e comezamos a soñar co seguinte verán.

Pero os remeiros galegos non son como a maioría da xente. Para eles o mes de setembro supón a fin, si, pero a fin a outra tempada da Liga Galega de Traiñeiras. Cando todo o mundo volta á rutina eles salen dela. Desa espiral de adestramentos e regatas cada fin de semana, de non ter apenas un día libre en todo o período estival. E cómo o disfrutan. Vemos en cada regata esas caras de concentración, ese esforzo case inhumano que fan en cada bogada, ese estoupido de xúbilo cada vez logran unha vitoria, e a rabia que brota cando as cousas non funcionan.

Chegou setembro e remataron todas esas batallas que presenciamos cada fin de semana nas augas das rías galegas (e ata asturianas!), esas fermosas loitas entre os colosos enriba das súas traiñeiras, coas que nos deleitan a todos os afeccionados ao remo que acuden relixiosamente a animar ao seu equipo, o simplemente a gozar deste fermoso deporte.

Outra tempada da Liga Galega de Traiñeiras que conclúe. Outra temporada, de novo histórica, de novo de crecemento, que se marcha. Pero que voltará de novo no mes de xuño, cando setembro apenas existe. Voltará para brindarnos a paixón e o sacrificio das traiñeiras. Voltarán a ondear as bandeiras.

Deixámosvos co peche, que nos trae Dª. Marta Míguez Telle, Secretaria Xeral para o Deporte. Instituación que nos acompaña en todas as nosas andaduras e sen a cal esta competición non sería posible.

DISCURSO CLAUSURA LGT (MARTA MÍGUEZ TELLE)

 

Antes de por punto final deixámosvos cun pequeno repaso a todas as tripulacións que este ano disputaron, nas súas distintas categorías, esta liga.

 

LIGA GALEGA DE TRAIÑEIRAS A

SD Samertolameu. Os de Meira comezaron dubitativos, amosándonos unha fermosa loita co CR Puebla, pero a medida que foi avanzando a tempada e colleron ritmo de competición, convertíronse na máquina perfecta que se indicaba en todas as quinielas, e non deron pé a ningún outro clube a arrebatarlles unha bandeira.

CR Puebla. Os rapaces de Chiqui Parada disputaron este ano a mellor tempada da súa historia, levando tres bandeiras para a casa e deixándonos unha fermosa rivalidade coa SD Samertolameu. So o mellor Meira puido evitar que as vitrinas da Carmela non conten con máis bandeiras.

CR Mecos-Mondariz. A Mequiña amosou unha gran regularidade toda a tempada, e logrou o terceiro escalón do podio, demostrando o gran salto de calidade que deron, e o que medraron, e seguro que continuando con esta progrsión loitarán polas bandeiras o próximo ano.

CM Bueu-Teccarsa. Paso adiante dos de José Ferral, que fixeron unha tempada espectacular e foron a revelación da Liga A, manténdose toda a tempada nos postos de honra. E mostrando tamén a gran evolución que deron nas últimas dúas tempadas.

CM Castropol. Outra gran tempada para os asturianos que repiten o posto da tempada pasada. Aínda que son os que máis km percorren cada fin de semana, nunca se dan por vencidos, chegando a acariciar as bandeiras con dous segundos postos. Unhas bandeiras que se lles resisten pero que terminarán por chegar.

Amegrove CR. Salto da Pabliño con respecto a tempada pasada, aínda que está lonxe do mellor Amegrove, a tempada foi moi boa para os de Diego Cabaleiro, mostrándose como un dos equipos máis regulares da liga na zona media. Un clube en reconstrución que se asentou na segunda quenda e que seguirá medrando nas próximas tempadas buscando a gloria que alcanzou fai uns anos.

CR Coruxo. Non foi o ano esperado para os rapaces de Benji Vázquez, que viñan de lograr dúas bandeiras no 2016 e un cuarto posto na liga. Este ano baixaron na clasificación pero vanse cun segundo posto como mellor resultado que seguramente lles sirva para volver a confiar no seu nivel e aspirar a cotas maiores no futuro.

CR Vilaxoán. Bó debut para a Virxe do Carme, logrando a primeira posición dentro da súa quenda, mellorando a penúltima posición da tempada pasada. Un equipo que vai incorporando pezas e subindo escalóns promentendo unha gran mellora nos próximos anos.

CR Rianxo. Tempada espectacular para os da Virxe de Guadalupe, que sendo un clube recén ascendido manteñen a categoría. E pese á renovación que tivo na plantel, sendo o barco máis xoven da liga, mostraron que chegaron para quedarse.

CR Chapela. Tempada complicada para os de Marco Antonio Castelao, con moitos problemas durante a toda a tempada, e que a pesar de iso, os rapaces loitaron con todas as súas gañas e conseguiron o obxectivo. Un paso atrás con respecto a tempada a anterior pero que seguramente serviralles para coller folgos e voltar a loitar por cousas maiores o próximo ano.

CR Salgado Perillo. Temporada difícil tamén para a Santa Leocadia, que se viu moi por detrás nunha liga con moita máis experiencia ca súa tripulación tan nova. A pesar de iso, os rapaces de Oleiros non baixaron os brazos e foron de menos a máis mostrando o seu mellor nivel no tramo final da liga. O feito de non conseguir o obxectivo non ten que ser motivo de desánimo, xa que a experiencia de esta tempada e as sensacións cas que acaba a liga axudaralles para cosechar grandes triunfos a tempada que ben, e volver con máis forza a liga A.

 

LIGA GALEGA DE TRAIÑEIRAS B

CDM Mera. Tempada para enmarcar para os da Mariñeira, que ven recompesado o seu proxecto de canteira e logran o ascenso de forma directo gañando seis bandeiras de oito posibles. Imparables todo o ano.

CM Mugardos. Ano de retorno á Liga para os rapaces de Jorge Hermida, que finalmente lograron o ascenso no playoff, pero que non atoparon a súa remada ata o final da tempada, levando a última bandeira. Dependen do playoff de ACT para saber se disputarán a Liga A.

CR Muros. Temporada de debut insuperable para os de Dani Canosa, que levou o premio ao mellor patrón, e renunciou á fase de ascenso para seguir co seu proxecto de canteira e coller experiencia. Darán que faltar nas próximas tempadas.

CR Virxe da Guía. Debutaron e conseguiron unha bandeira, non poden pedir máis os da Punta, aos que esa cuarta posición lles sabe a gloria.

CR Cedeira. Tempada complicada para eles, que deu a sensación de que tiñan equipo para máis pero non lles acompañou a sorte. O ano que ven toda esta experiencia gañada xogará ao seu favor.

CR Vila de Cangas. No debut de Nando Rúa coma adestrador, as sensacións non foron as mellores, pero son un clube histórico e acabarán por saír adiante.

AD Esteirana. Complicado debut para os de Esteiro, que levaban máis de 15 anos sen remar, pero  demostraron que isto non se esquece e de seguro que darán moita guerra en próximas tempadas.

 

LIGA GALEGA DE TRAIÑEIRAS FEMININA

C.R. MECOS. Pouco que dicir das rapazas da Mequiña, campioas absolutas de todo canto se lle poña por diante. Unhas remeiras cun nivel abraiante, dos mellores da historia da liga feminina.

C.R. A CABANA FERROL. Outro pasiño a diante das rapazas da Cabana. Foron de menos a máis e conseguiron superar as súas dúas grandes rivais para obter a segunda praza da competición.

C.R. CHAPELA: Ó contrario que no caso anterior, as remeiras da Arealonga comezaron a tempada por riba das súas principais rivais pero foron de máis a menos. A pesar de iso, outra tempada máis de experiencia para estas rapazas que nunca fallan a cita da liga galega e que voltarán a carga a tempada que ven.

C.R. CABO DA CRUZ. Tempada irregular das de Boiro. Mostrando regatas moi boas pero outras por debaixo do seu nivel. Ano de cambio de ciclo e condicionadas pola ausenza nunha regata. Feito que non votarán de menos pola gran experiencia e nivel mostrado no País Vasco. Unha traiñeira a ter en  conta por cotas máis altas próxima tempada.

C.R. SALGADO – PERILLO. Unha das grandes alegrías da lgt esta tempada. Unha embarcación nova con todas remeiras da casa, ca dificultade que iso implica, pero que a segura a continuidade da Santa Leocadia feminina a vindeira tempada. Ademais os bos resultados obtidos na última regata daralle folgos a estas rapazas para loitar por obxectivos máis grandes.

Equipo de comunicación da LGT

Attachment

Colaboran