A Liga-A segue moi aberta

  • en

A dobre xornada deste fin de semana comezaba o sábado ca XXI Bandeira Concello de Bueu. O resultado foi, por primeira vez esta tempada, exactamente igual ó da clasificación actual da “LGT A”. A primeira quenda foi gañada por Amegrove C.R. seguido do C.R. Vilaxoán e do C.R. Salgado-Perillo. Na segunda contenda, moito máis igualada, o C.M. Castropol superaba ós anfitrións do C.M. Bueu-Tecarsa, seguidos polo C.R. Mecos-Mondariz e o C.R. Chapela, que cederon nos últimos instantes, finalizando terceira a Mequiña e cuarta a Arealonga. Na quenda de honra o líder, a S.D. Samertolameu, saíu disposto a volver a senda do triunfo e dominou de principio a fin. O C.R. Ares loitou ata o final pero non foi capaz de superar ó líder. Por detrás o C.R. Puebla e o C.R. Coruxo seguían a estela dos grandes e mantiñan unha disputa moi igualada que se levaría no último instante a Carmela da Puebla.

Con este resultado, aumentábanse as vantaxes de todos os equipos con respecto ós seus perseguidores. Dous puntos de diferenza por posición separaban a S.D. Samertolameu, ó C.R. Ares e o C.R. Puebla. Na loita pola quenda de honra o C.R. Coruxo aumentaba a súa diferenza co C.M. Castropol ata os 7 puntos, mesma distancia que a que separaba o C.R. Vilaxoán e ó C.R. Salgado-Perillo pola loita de eludir o play off. Todo isto podería indicar que con so cinco regatas putuables (Tres para os da primeira quenda), chegabamos xa a un punto no que os equipos empezarían a asentarse nas súas posición actuais e acabaríase o vaivén de posicións.

111

Falsa alarma, a II Bandeira Parquistas de Carril regalaríanos o domingo outra de esas regatas emocionantes que volvería a dar unha volta a liga. Cun peirao de Carill cheo e sendo a primeira bandeira televisada esta tempada, a motivación dos remeiros foi máxima e nos regalaron unha regata brillante. A primeira quenda comezaba, como habitualmente, con Amegrove C.R. liderando en todo momento. Por detrás comezaron moi fortes os locais do C.R. Vilaxoán que remaban por diante do C.R. Salgado-Perillo. Pero a emoción xogoulles unha mala pasada ós vilaxoaneses, que non foron capaces de aguantar o ritmo e na metade da regata vironse superados por un gran C.R. Salgado-Perillo. A segunda quenda comezaba como o día anterior cun duelo a par entre o C.M. Bueu-Tecarsa e o C.M. Castropol, seguidos do C.R. Mecos-Mondariz e do C.R. Chapela que non cedían. Nos últimos longos comezou a cambiar o tempo. Algo que aproveitou moi ben o C.M. Bueu-Tecarsa para escaparse dos seus rivais e gañar con solvencia. Ó contrario do que lle pasou ó C.M. Castropol. Ós asturianos cústalles remar cando se levanta o mar e baixaron o ritmo, algo que soubo aproveitar moi ben o C.R. Mecos-Mondariz, que escarmentado xa de erros pasados nos que chegaba moi mermado ós últimos metros, subiu o ritmo nos instantes finais para colocar a Mequiña por diante da Rio do Eo. En cuarta posición chegaría bastante distanciada o C.R. Chapela que non tivo o seu mellor día. O tempo seguía a cambiar e ca terceira quenda volvería toda a emoción habitual de esta tempada. Lideraba a contenda o C.R. Ares nos primeiros instantes seguido da S.D. Samertolameu e do C.R. Puebla, que avantaxaban con claridade ó C.R. Coruxo. Pero as primeiras referencias situaban como campión provisional ó C.M. Bueu-Tecarsa, seguido do C.R. Ares, e a S.D. Samertolameu caía ata a cuarta posición o que abría a posibilidade de un cambio de líder. Alertados dende terra, os líderes subiron e ritmo e conseguiron superar finalmente á Maruxía por seis e tres segundos respectivamente. Trás eles chegaba o C.R. Puebla que faría o cuarto mellor tempo da bandeira. E moi distanciado finalizaba o C.R. Coruxo que caía ata a novena posición por detrás de Amegrove C.R.

Así que, tra lo acontecido este fin de semana, a S.D. Samertolameu sigue líder con 104 puntos seguido do C.R. Ares con 103, e empezan a coller marxe co terceiro clasificado o C.R. Puebla con 98. Na disputa da cuarta praza, o C.R. Coruxo ve reducida a súa distancia e agora con 79 puntos está a so tres do C.M. Castropol que ten 76 pero ademais achégase o C.M. Bueu-Tecarsa con 71 puntos. Na zona baixa a diferenza entre o C.R. Vilaxoán e o C.R. Salgado-Perillo segue sendo de 6 puntos, unha vantaxe moi difícil de superar pero que con dúas regatas por disputar para estes equipos aínda é posible.

Equipo Comunicación LGT

Attachment

Colaboran