Meira gaña todo na Liga A e Mugardos remata con bandeira

  • en

A S.D. Samertolameu proclamouse campión da LGT A 2017. A clasificación non sufriu cambios no último fin de semana. Mugardos gaña a última bandeira na liga B.

Dominio de Meira na liga A

A liga A puxo fin a competición ca III Bandeira parquistas de Carril e a III Bandeira illa do Samertolameu. O gran campión de este fin de semana foi a S.D. Samertolameu, que ademais de gañar as dúas bandeiras proclamouse campión da liga galega de traiñeiras 2017. En ambas regatas acompañando a Terca nos postos de honra, chegarían en segunda posición ambos días o C.R. Puebla, e alternando a posición o C.R. Mecos – Mondariz e o C.M. Bueu – Tecarssa. O sábado sería a Mequiña a que quedaba terceira e o domingo o posto foi para a Maruxía de Bueu.

Na segunda quenda, na que había opcións neste fin de semana de que houbese cambios na clasificación, non houbo sorpresas. O C.M. Castropol que chegaba quinto, gañou a quenda nas dúas regatas pero finalizando na mesma posición que ocupaba na clasificación. Amegrove C.R. que era o seu principal perseguidor intentouno o sábado sen sorte rematando na sexta posición e, xa sen opcións, caía o domingo ata a oitava. O posto máis igualado da clasificación o ocupaban o C.R. Coruxo e o C.R. Vilaxoán, que chegaban empatados a puntos. Pero os vilaxoaneses ante o seu público, non fixeron unha boa regata e caeron ata a novena posición, véndose superados por Chapela. Pola súa parte o C.R. Coruxo aguantou diante da Virxe do Carme rematando en oitava posición. Ó domingo, véndose dous puntos por detrás, o C.R. Vilaxoán quixo apurar a súa última bala, pero o C.R. Coruxo mantívose ó seu carón, e a pesar de que os vilaxoaneses remataron sextos e os da fointaiña séptimos, o C.R. Coruxo conseguiu manter o sétimo posto da xeral.

Na primeira quenda o C.R. Chapela viviu dous días totalmente opostos. O sábado gañou a quenda con tanta claridade que ata adiantou a Vilaxoán. A Arealonga finalizou a regata oitava conseguindo o seu mellor posto da tempada. En décima posición chegaría Rianxo e en undécima o C.R. Salgado – Perillo. Pero o domingo todo cambiou por completo. A quenda foi gañada polo C.R. Rianxo que remata décimo en augas de Meira. E o C.R. Salgado – Perillo, coa regata como unha proba de cara o play off, conseguiu aguantar ós seus rivais de quenda e superar ó C.R. Chapela. Deixando a Arealonga en última posición.

De este xeito, a clasificación non sufriu ningún cambio: 1- S.D. Samertolameu, 2 – C.R. Puebla, 3 – C.R. Mecos – Mondariz, 4 – C.M. Bueu – Tecarssa, 5 – C.M. Castropol, 6 – Amegrove C.R.,7 – C.R. Coruxo, 8 – C.R. Vilaxoán, 9 – C.R. Rianxo, 10 – C.R. Chapela, 11 – C.R. Salgado – Perillo.

A Liga B conclúe a tempada 2017 con sorpresa

Chegaba a Liga B á regata deste sábado en Esteiro con prácticamente todo decidido, ao anunciar o CR Muros que renunciaba ao playoff de ascenso, pero pese a isto a última regata puntuable da tempada rematou con sorpresa.

Sopraba un forte vento do norte no porto de Esteiro e o sol golpeaba con forza para a celebración da X Bandeira Concello de Muros. As condicións do campo facían que as traiñeiras fosen empopadas cara o longo de fora e remasen co vento en contra á volta, o que auguraba un último longo moi emocionante.

Na primeira quenda, o CR Cedeira fíxose coa vitoria de forma aplastante por mor dun erro na segunda ciaboga do CR Vila de Cangas, que aínda que ía por detrás dos da Candieira prometía dar guerra nesta última regata. Finalmente os de Cangas entraron segundos, seguidos da AD Esteirana.

A sorpresa ía chegar na quenda da honra. Tras as tres primeiras viradas, o CM Mugardos e o CDM Mera ían igualadas, pero no último longo os da Bestarruza fixéronse coa vitoria con só un segundo de vantaxe, levando así a súa primeira bandeira da tempada e demostrando que chegan máis que preparados de cara ao playoff. O CR Muros entraba terceiro, xa sen nada polo que loitar tras a súa renuncia ao playoff para coller algo máis de experiencia na Liga B antes de loitar por cotas maiores. A Punta do CR Virxe da guía entraba cuarta na quenda pero caía ata a quinta posición, superada polo CR Cedeira, pero pese a isto non perdeu a súa cuarta praza na clasificación xeral, un logro enorme para un clube debutante.

Concluía así unha Liga B formada case na súa totalidade por remeiros propios canteiráns, que demostra que é un gran punto de partida para calquera clube que busque ir medrando pouco a pouco dende abaixo. E é que todas as grandes xestas deportivas teñen un comezo, e no mundo do remo galego, ese comezo é a Liga B.

A próxima fin de semana terá lugar a ceremonia de clausura da LGT no trofeo Teresa Herrera, en A Coruña.

Juanma Lorenzo e Julián Juan (Equipo de comunicación da LGT)

Colaboran