Mera volta a senda do triunfo nunha fermosa regata

  • en

Tiña a Liga B unha oportunidade de ouro para demostrar o seu potencial, posto que por motivo do Campionato de España de Traiñeiras non haberá Liga A esta fin de semana, e aproveitou a ocasión sen lugar a dúbidas.

Nun porto de Cedeira abarrotado e cun forte vento do nordés soprando sen piedade, o campo de regatas parecía dividido en dúas zonas: unha, máis próxima ao espigón co mar máis en calma, e outra, fóra do abrigo da costa, cunha forte marexada e olas de metro e medio.

Con estas condicións a regata podía recordar moito ao pasado Teresa Herrera, disputado en augas de A Coruña, na praia de Riazor, e a verdade e que así foi. Comezaba a II Bandeira Concello de Cedeira.

Na primeira quenda, a vitoria foi para a tripulación local, o CR Cedeira, que volve á senda da vitoria, co CR Vila de Cangas, segundo de tanda no día de hoxe. Terceiro entrou unha AD Esteirana que non atopa esa melloría que outros clubes sí están a ter ao avanzar a tempada.

Na quenda da honra, o CDM Mera volveu demostrar que se non pasa nada raro como na regata de Mugardos a pasada semana, son case invatibles. Foron proa de regata toda a proba, e levaron outra bandeira para as súas vitrinas. Segundo foi o CR Muros que está a facer unha tempada espectacular, remontando dende a última posición á que chegou na última ciaboga ata un segundo posto que lles sabe a gloria, porque quedaron por diante do seu rival a bater pola segunda plaza da clasificación, o CM Mugardos. Os de Jorge Hermida non atoparon a súa remada máis aló do terceiro longo, e víronse superados polas condicións, aínda que seguen a manter esa segunda praza con dous puntos de vantaxe. Cuarto entraba un CR Virxe da Guía que vía recompensada a súa vitoria da semana pasada cun posto nesta quenda, e que quedou por diante dos seus rivais directos da quenda anterior.

Concluía así unha fin de semana atípica no remo galego, pero que nos deixou unha regata espectacular e que deixa moitas frontes abertas de cara ás dúas últimas regatas, en Esteiro e Muros.

Julián Juan Ramos – Comunicación LGT

Attachment

Colaboran