Puebla presenta a súa candidatura e Mecos lévase a primeira bandeira

As augas da praia de Santa Cristina e os alí presentes foron testemuña dunha regata abraiante ca disputa da II Bandeira Feminina Concello de Oleiros e a VI Bandeira Salgado Conxelados.

Comezou a xornada ca categoría feminina. Cun campo repartido en tres carreiros e a formato de regata lanzada a competición das remeiras estivo dividida en dúas quendas. Na primeira a embarcación local, o C.R. Salgado – Perillo enfrontábase ó C.R. Chapela. E na segunda partían as tres mellores da regata de presentación, o C.R. Mecos, o C.R. Cabo da Cruz e o C.R. A Cabana de Ferrol. Ambas dúas quendas tiveron claras campioas. Na primeira foron as da Arealonga as que superaron a embarcación local. E na segunda, o C.R. Mecos, cunha vitoria contundente que rompe a ditadura do C.R. Cabo da Cruz nas regatas da liga galega feminina. Sería a propia embarcación de Boiro a que chegarían en segunda posición tentando superar o tempo do C.R. Chapela pero sen conseguilo. E no terceiro posto, o C.R. A Cabana de Ferrol finalizando cuartas na clasificación xeral da regata.

A continuación sería o momento da liga A. Dividida en dous tempos de dúas quendas cada un. Na primeira manga os anfitrións do C.R. Salgado Perillo enfrontábanse ó seu gran rival por eludir o play off, o C.R. Rianxo, e a partida volveu a ser para os da Virxe da Guadalupe. Na segunda partida, Amegrove C.R. marcou un ritmo que se asemellaba ó mostrado na regata de presentación e levouse a quenda sen oposición. Por detrás chegaría un C.R. Vilaxoán incapaz de seguir a Pabliño. E cerraría a quenda o C.R. Chapela, tentando que os seus compañeiros de manga non se afastasen demasiado e sen perder de vista o crono para superar ós rivais da primeira partida. Aínda que algunha referencia os poñía por detrás, finalmente a Arealonga melloraría os tempos dos rivais da primeira saída.

Pero os momentos decisivos da VI Bandeira Salgado Conxelados chegarían cas dúas quendas posteriores. Na terceira saída, o C.R. Coruxo, campión desta bandeira a tempada pasada partía como favorito, pero a Fontaiña aínda está lonxe do nivel mostrado nos anos anteriores e viuse superada por un C.M. Castropol, que non baixa o nivel, e un C.M. Bueu – Tecarsa, que segue mellorando tempada tras tempada. Os de Bueu encontraron no reloxo a un rival alleo a súa quenda, a Amegrove C.R., ó que finalmente foron capaces de superar. Que non foi capaz de facelo foi o C.R. Mecos – Mondariz, que a pesar de non seguir o ritmo da cabeza da regata, non baixaron os brazos e loitaron ata o último instante por esas prazas de quenda de honra. Os que lideraron esta proba foron o C.R. Puebla e a S.D. Samertolameu. Cun guión similar ó de Coruxo, as primeiras referencias poñían por diante a Carmela a moi pouca distancia da Terca. Pero ó contrario que fai dúas semanas, os de Jose Parada aguantaron o empuxe dos de Dani Pérez e o C.R. Puebla levouse a súa primeira bandeira da tempada e se presenta como candidato para loitar por esta liga galega de traiñeiras 2017.

Juanma Lorenzo – Equipo Comunicación LGT

Attachment

Colaboran