Resumo competición 17 e 18 de xuño

  • en

Meira amosa músculo

Espectacular último longo dos de Daniel Pérez, para superar ó C.R. Puebla e facerse ca XXV Bandeira Concello de Vigo. Mecos-Mondariz e Bueu-Tecarsa completan o cadro de honra da liga A, dende a primeira quenda.

Sábado de presentación

A LGT 2017 votouse ó mar este fin de semana para inaugurar unha nova tempada. O acto de presentación levouse a cabo no Grove o pasado sábado, e contou ca presenza das vinte tres embarcacións que este ano se darán cita nas diferentes categorías da liga galega. De novo o teito volve a romperse, confirmando un novo crecemento do remo galego.

A liga feminina

As encargadas en abrir a tempada foron as remeiras da liga feminina. Unha competición que amplía as súas frontes ata as cinco embarcacións. Ás tres que continúan: C.R. Cabo da Cruz, C.R. Chapela e C.R. A Cabana de Ferrol, únense esta tempada o C.R. Mecos-Naútico Riveira e o C.R. Salgado Perillo. Primeira experiencia na liga galega para a embarcación de Oleiros.

A regata iniciábase no formato de contrareloxo. A pesar de non ter puntos en xogo, as remeiras galegas non entenden de relaxación nin de especulación e saíron con todo, mostrando unha paixón e ambición destacables, regalando ó espectador unha gran regata. As campioas foron as tripulantes da embarcación do C.R. Mecos – Náutico Riveira. Unha traiñeira formada pola unión de dous grandes clubs que tentará frear o dominio das rapazas de cabo da Cruz, nos mares galegos. As de Boiro, en plena reestruturación esta tempada, quedaron segundas. A terceira posición foi para o C.R. A Cabana – Ferrol. As ferrolás seguen mellorando e cada vez están máis preto da parte alta da liga. Por detrás chegou chapela. As laranxas non tiveron o día e marraron nunha virada o que as deixou moi lonxe da cabeza da regata. E cerraría a clasificación o C.R. Salgado – Perillo. Non é doado comezar a competir e menos, cando tes en fronte a catro embarcacións con tanto nivel, por iso merece un recoñecemento  especial a labor destas remeiras que deron o primeiro paso para asentarse nesta liga feminina.

A ilusión impulsa a liga B

Os seguintes en saír a escena foron as traiñeiras da liga B. Unha liga practicamente renovada na que só continúan o C.R. Vila de Cangas e o C.D.M. de Mera. Retornan despois de un ano o C.M. Mugardos e tras dous de ausencia a A.D. Esteirana. Os de Esteiro estiveron presentes na presentación pero non puideron competir. E inician a súa andadura na liga galega, o C.R. de Virxe da Guía, o C.R. Muros e o C.R. Cedeira.

A pesar de ver tanto equipo novo, as seis embarcacións que puideron competir o fixeron con moitas gañas e ilusión loitando por conseguir o mellor posto posible. O premio foi para o C.D.M. de Mera, que confirma a melloría amosada a tempada pasada e amósase como favorito ó título. Por detrás chegarían o C.R. de Cedeira e o C.R. Muros que amosaron un gran nivel na súa estrea nesta liga galega. A cuarta posición foi para o C.M. Mugardos, que regresa tras un pequeno parón disposto a dar moita batalla. O outro debutante, o C.R. Virxe da Guía chegaba en quinta posición. Os de Teis cunha embarcación que conta con xente moi nova  e sen experiencia poñía a primeira pedra a unha tempada ilusionante. E pechando a clasificación o C.R. de Vila de Cangas. O equipo do Morrazo con moitos cambios esta tempada non empezou da maneira desexada, pero para cambiar esta situación contan co mando de Fernando Rúa.

A liga A reservando forzas

Volvía a acción a liga A sen moitos cambios con respecto a tempada pasada. O C.R. Ares que participará na liga ACT e ás prazas vacantes accedían o C.R. Rianxo, campión da liga B, e o C.R. A Cabana Ferrol campión do play off. Pero finalmente os ferroláns non puideron saír así que a liga volve a ser de once.

Ó igual que nas outras categorías a regata tampouco era puntuable, pero a diferenza destas, a categoría raíña comezaría a competir ó día seguinte. Isto fixo que moitos equipos reservaran esforzos para a primeira regata da tempada.

Dividida en dúas quendas, na primeira o C.R. Puebla demostrou que este ano tamén quere loitar pola liga e marcou o ritmo dende o primeiro momento facéndose ca regata de presentación da liga. A segunda posición foi para a S.D. Samertolameu que loitou pola regata ata o último momento. Terceiro foi Amegrove C.R. que despois  dunha mala tempada volvía a achegarse a súa mellor versión. Cerraría os postos de quenda de honra o C.M. Castropol. Os asturianos, a pesar dos problemas que tiveron no desprazamento a terras galegas, competiron a un gran nivel. A quinta posición sería para o C.R. Vilaxoán, que continúan o proxecto iniciado a tempada pasada e subindo de nivel no presente curso. O C.R. Chapela marcaría o sexto mellor tempo, un resultado bo para unha traiñeira con moitos problema na pretempada. Os anfitrións do día seguinte, o C.R. Coruxo, chegaría en sétima posición condicionados por unha mala virada. A oitava posición foi para os debutantes da liga A, o C.R. Rianxo, que acusaron nos últimos instantes o ritmo marcado na primeira parte da regata. Noveno clasificado o C.M. Bueu – Teccarsa, o equipo revelación do 2016 non puido manter a liña ascendente mostrada na tempada anterior. Undécimo sería o C.Regatas Salgado – Perillo, que sen moitos cambios esta tempada buscará dar un paso este 2017 e tentará eludir os postos de descenso. E pecharía a regata de presentación o C.R. Mecos – Mondariz, prexudicada tamén a Mequiña por unha mala virada.

A XXV Bandeira Concello de Vigo volve a regalar unha regata emocionante.

O porto de Canido, en Coruxo, acollía a primeira regata puntuable da tempada coa disputa da XXV Bandeira Concello de Vigo. Con puntos de por medio, as traiñeiras galegas concederon unha regata que demostra un salto de calidade considerable. O escenario para facelo era o mellor posible, xa que a regata vista dende a ponte da Toralla permite ó público gozar da traiñeiras cunha perspectiva única, diferente a de calquera outro campo de regatas.

Coa saída marcada polo acontecido o día anterior, dende a primeira quenda partían o C.M. Bueu – Tecarsa, o C.R. Salgado – Perillo e o C.R. Mecos – Mondariz. Dende os primeiros compases a Maruxía e a Mequiña marcaban un ritmo que a Santa Leocadia non era capaz de seguir. Nas primeiras referencias o C.M. Bueu – Tecarsa tomaba vantaxe pero nun final trepidante o C.R. Mecos – Mondariz levábase a primeira quenda. Quenda que cerraría o C.R. Salgado – Perillo, nunha regata complicada ó verse remando só.

Na segunda quenda, os anfitrións do C.R. Coruxo, saíron dispostos a regalar ós seus seareiros unha vitoria como a da tempada anterior. O C.R. Vilaxoán seguíalles de preto pero non foro capaces de superalos e se afastaron no último longo. A pesar de gañar a quenda, os tempos situaban a Fontaíña por detrás dos dous primeiros da primeira quenda. Pecharían a segunda partida o C.R. Chapela e o C.R. Rianxo, que  tentaron diminuír as distancias ca nova Virxe do Carme pero sen éxito. Especialmente a Virxe da Guadalupe, a que lle custou manter o ritmo nos últimos metros.

Tras as dúas primeiras series chegaría o momento da quenda de honra. Co C.R. Puebla e a S.D. Samertolameu como gran favoritos, e coa expectativa do nivel que poderían dar o C.M. Castropol e Amegrove C.R. No inicio da regata foi o C.R. Puebla o que colleu a dianteira, cunha S.D. Samertolameu que se tentaba manterse a par. Mentres tanto, os asturianos remaban a un bo ritmo sen perder de vista a cabeza da regata. Ó contrario que Amegrove C.R. que pouco a pouco afastábase dos primeiros postos. As primeiras referencias deixaban os favoritos moi preto dos tempos marcados polos equipos da primeira quenda. A sombra da sorpresa achegábase de novo ós mares de Coruxo pero desta vez os grandes favoritos non estaban dispostos a permitilo. A Carmela da Puebla mantiña o ritmo para evitar sorpresas e levarse a primeira bandeira da tempada. Pero nun fin de regata abraiante, a S.D. Samertolameu, a golpe de remada, superaba ós do Barbanza para facerse ca primeira bandeira da tempada. A continuación dos dous primeiros chegaría Castropol, marcando o quinto mellor tempo do día. E finalmente moi distanciado Amegrove C.R. rematando oitavo.

 

Equipo de comunicación da LGT.

Attachment