O Teresa Herrera por peche á LGT 2017

  • en

A Liga Galega de Traiñeiras 2017 remata por todo o alto no Teresa Herrera

A tempada pon punto e final en augas de A Coruña esta fin de semana, nas que tamén se disputará o playoff de ascenso á Liga A entre o CDM Mugardos e o CR Salgado Perillo.

Parece que foi onte o 17 de xuño, cando se presentaba en O Grove unha nova tempada da Liga Galega de Traiñeiras. Unha tempada na que de novo a Liga seguía medrando en número de clubs e en calidade, aprendendo dos erros e mellorando para ofrecer o mellor espectáculo posible. Pero esa tempada 2017 chega ao seu fin, e despedirase por todo o alto nunha das regatas máis espectaculares que pode ofrecer este deporte.

O XXXII Trofeo – XIII Bandeira Teresa Herrera é unha regata mítica para o mundo das traiñeiras. A regata, disputada na bahía de A Coruña, coas praias de Riazor e Orzán de fondo, asegura espectáculo, esforzo e desprende unha aura que só teñen unhas poucas  privilexiadas probas. Disputada en mar aberto, con grande ondas como tónica habitual, trátase dunha regata na que todos queren remar.

Esta gran competencia fai que a Bandeira se dispute a doble xornada. O sábado 26 de agosto ás 18:15 horas terá lugar a regata contrarreloxo clasificatoria, remando primeiro os clubes da Liga B e continuación os da Liga A. Desta clasificatoria sairán dez afortunados clubes que o domingo, a partir das 12 horas, sairán a remar para loitar pola vitoria desde prestixioso trofeo.

Pero esta non é a única emoción que nos agarda esta fin de semana. Ás 17:30 horas dará comezo o play-off de ascenso á Liga Galega A, que ao disputarse tamén a doble xornada, se decidirá o domingo ás 11:30. De aquí sairá o clube que se unirá ao CDM Mera na súa aventura na máxima categoría desta Liga Galega. Tras a renuncia do CR Muros para asentarse unha temporada máis antes de buscar cotas maiores, será un man a man entre o CM Mugardos e o CR Salgado Perillo. A igualdade será máxima, xa que ambos clubes chegan a este final de temporada cun ritmo moi alto e unha gran motivación.

E esta fin de semana aínda terá máis espectáculo, posto que o sábado ás 18:00 horas terá lugar a regata contrarreloxo feminina, a única proba puntuable de toda a fin de semana. O aliciente, dado que xa se coñece ao campión, o Club de Remo Mecos, será a loita pola segunda praza de liga entre o CR A Cabana Ferrol e o CR Chapela.

En definitiva, fin de semana espectacular para poñer un broche de ouro á tempada 2017 da Liga Galega de Traiñeiras, que un ano máis volveu demostrar que o remo galego ten presente, pero tamén un gran futuro por diante.

Julián Juan (Equipo de comunicación da LGT)

Attachment

Colaboran